Selecciona unha inicial para ver as entradas correspondentes:
A B C D E F G H I K L M N O P R S T U V W X Z

Análise de necesidades

Definición:

Serie de procedementos levados a cabo para obter información que permita identificar as necesidades dun grupo de alumnos con vistas a elaborar un plan de ensino de lingua adecuado aos seus intereses ou revisar ou adaptar un plan xa existente. A análise de necesidades é, xa que logo, unha parte do desenvolvemento do currículo. As necesidades ofrecen á persoa encargada de confeccionar o deseño do curso unha base sólida para a selección dos contidos do programa de acordo coas necesidades obxectivas e subxectivas de cada alumno, de aí a súa importancia no ensino da segunda lingua con fins específicos. Na análise de necesidades cómpre ter en conta:

  1. o nivel inicial ou de partida do alumno e o que se pretende acadar;
  2. o propósito ou a finalidade para a que se necesita aprender a lingua xunto coas situacións nas que se vai utilizar;
  3. as preferencias dos alumnos con respecto á aprendizaxe;
  4. a selección e secuenciación dos contidos do curso;
  5. a metodoloxía a empregar; e, para rematar,
  6. a duración do curso.

Existen unha serie de instrumentos para investigar as necesidades dos alumnos como, por exemplo, os seguintes: enquisas, entrevistas, observación, discusión informal, recollida de datos lingüísticos, etccom.

Existen dous ámbitos dentro da análise de necesidades, que van do máis xeral ao máis específico:

  1. Análise de necesidades da situación: características dos estudantes (aspiracións, estilo de aprendizaxe), perfil dos docentes, contexto educativo do programa e limitacións (tempo, orzamento, medios), etc.
  2. Análise de necesidades comunicativas: os contextos en que o discente vai utilizar a lingua, as destrezas lingüísticas que van estar implicadas, así como os actos de fala que traen aparellados, e finalmente o nivel de competencia lingüística que se esixe.
Entradas relacionadas: 
Bibliografía: 

García Santa-Cecilia, A. 2000. Cómo se diseña un curso de lengua extranjera. Madrid: Arco Libros, S. L.

Johnson, K. (ed.) 1989. The Second Language Curriculum. Cambridge: Cambridge University Press.

Munby, J. 1978. Communicative Syllabus Design. Cambridge: Cambridge University Press.

Palacios Martínez, I. M. 1994a. La Enseñanza del inglés en España a debate. Perspectivas de profesores y alumnos. Santiago: Universidade de Santiago.

Richards, J. C. 1990. The Language Teaching Matrix. New York: Cambridge University Press.

West, R. 1994. “Needs Anaylsis in Language Teaching.” Language Teaching 27/1: 1-19

Correspondencia noutros idiomas
Español: 
Análisis de necesidades
Inglés: 
Needs analysis
Francés: 
Analyse des besoins
Alemán: 
Bedürfnisanalyse
Italiano: 
Analisi dei bisogni
Polaco: 
Analiza potrzeb
Portugués: 
Análise de necessidades
Ruso: 
Анализ потребностей
Entrada anterior / seguinte:

Como citar esta páxina

Palacios Martínez, Ignacio (dir.), Rosa Alonso Alonso, Mario Cal Varela, Yolanda Calvo Benzies, Francisco Xabier Fernández Polo, Lidia Gómez García, Paula López Rúa, Yonay Rodríguez Rodríguez & José Ramón Varela Pérez. 2019. Dicionario electrónico de ensino e aprendizaxe de linguas. ISBN 978-84-09-10971-5. (Dispoñible en líña en https://www.dicenlen.eu/gl/diccionario/entradas/analise-necesidades, con data de acceso 11/05/2024).