Selecciona unha inicial para ver as entradas correspondentes:
A B C D E F G H I K L M N O P R S T U V W X Z

Suxestopedia

Definición:

Tamén método de Lozanov.

método de ensino de segundas linguas desenvolvido polo búlgaro Georgi Lozanov, que sostén que a aprendizaxe máis efectiva e agradable para o estudante ten lugar por medio da suxestión cando este se atopa nun estado relaxado e de baixa ansiedade. Neste método préstase tanta atención á comunicación consciente (a mensaxe lingüística) como á subconsciente (a mensaxe transmitida a través de xestos, movementos, etc.). O seu obxectivo é o uso da linguaxe cotiá e a eliminación das barreiras psicolóxicas (ansiedade, inhibición, baixa autoestima) que dificultan a aprendizaxe. Isto lévase a cabo fundamentalmente por medio da creación dunha contorna na que os alumnos se sintan cómodos e relaxados (sofás, luz suave, música clásica), xa que se considera que a atmosfera da aprendizaxe inflúe no desenvolvemento da capacidade da memoria. Desde o primeiro momento procurarase a interacción, tanto verbal coma non verbal, así como a creación dun ambiente de confianza e respeto na relación profesor-alumno que facilite a desinhibición. O estudo da gramática redúcese ao mínimo, e a aprendizaxe concéntrase na adquisición de vocabulario e no desenvolvemento das destrezas de comunicación oral. Polo que respecta ás actividades de aula, a suxestopedia adoita recorrer a diálogos, traducións, cancións, dramatizacións ou listaxes de palabras para memorizar. Finalmente, procúrase evitar a corrección inmediata de erros e a avaliación explícita con métodos formais, xa que as dúas perturbarían a atmosfera relaxada na que se pretende que teña lugar a aprendizaxe.

Bibliografía: 

Caller Gutiérrez, H. 2012. La sugestopedia, método potente de enseñanza y aprendizaje. Buenos Aires: Librosenred.

Larsen-Freeman, D. 1986. Techniques and Principles in Language Teaching. New York: Oxford University Press.

Lozanov, G. 1979. Suggestology and Outlines of Suggestopedy. New York: Gordon and Breach.

Richards, J. C. & Rodgers, T. S. 1986. Approaches and Methods in Language Teaching: A Description and Analysis. Cambridge: Cambridge University Press.

Sánchez Pérez, A. 2009. La enseñanza de idiomas en los últimos 100 años. Métodos y Enfoques. Madrid: SGEL.

Correspondencia noutros idiomas
Español: 
Sugestopedia
Inglés: 
Suggestopaedia
Francés: 
Suggestopédie
Alemán: 
Suggestopädie
Italiano: 
Suggestopedia
Portugués: 
Sugestopedia
Ruso: 
Суггестопедия
Entrada anterior / seguinte:

Como citar esta páxina

Palacios Martínez, Ignacio (dir.), Rosa Alonso Alonso, Mario Cal Varela, Yolanda Calvo Benzies, Francisco Xabier Fernández Polo, Lidia Gómez García, Paula López Rúa, Yonay Rodríguez Rodríguez & José Ramón Varela Pérez. 2019. Dicionario electrónico de ensino e aprendizaxe de linguas. ISBN 978-84-09-10971-5. (Dispoñible en líña en https://www.dicenlen.eu/gl/diccionario/entradas/suxestopedia, con data de acceso 20/05/2024).